mércores, 8 de xuño de 2016

    O noso Proxecto de Investigación e Tratamento da Información (curso 2015-2016), que implicou a todo o 1º Ciclo da ESO, serviu para conmemorar o Ano Internacional da Luz que se celebrou no ano 2015. 
   Desde a Biblioteca do IES Xoán Montes quixemos elaborar un proxecto que cubrise tódolos puntos de vista: científicos, artísticos, léxicos e literarios relacionados coa luz, partindo da premisa de que a vida non sería posible sen o sol, fonte, ademais, de calor e iluminación. 
Detalle do "Guernica" de P. Picasso


    O título escollido (Prender a luz), cun verbo xa de por si significativo, tenta recoller os obxectivos marcados polas coordinadoras: por unha banda, aprehender a natureza da luz (natural e artificial) desde distintos aspectos, e por outra, que a luz da razón e o método científico prendesen nas mentes do noso alumnado.
   

 Ante esa presencia cotiá fundamental, o ser humano intentou racionalizar ao astro rei, dotándoo de características divinas e buscou imitalo coa invención do lume, e de diversos utensilios que o substituísen como fonte de luz e calor. É que mellor maneira de atrapar a realidade que a través da linguaxe? O noso léxico é amplo e variado polo que ao campo semántico da luz se refire, e non digamos das expresións que usamos acotío. 

   Despois chegaría a ciencia, coa súa explicación racional e empírica do fenómeno lumínico. E non esquezamos a arte e a literatura, onde a luz é imaxe e expresión dos sentidos na ambivalencia luz/escuridade. Este proxecto tiña, ademais, como obxectivo afianzar os coñecementos adquiridos, no caso do alumnado de 2º ESO, e iniciar ao de 1º ESO nas pautas a seguir en calquera traballo de investigación, buscando respostas ás preguntas clave que se dan en todo coñecemento científico.